Unha breve historia (*)

ASTANO nace como resultado da compra que D. José María González Llanos y Caruncho fixo a D. Ramón Aguilar Pérez dun taller de carpintería de ribeira situado en Perlío (Fene) dedicado á construción e reparación de pequenas embarcacións de madeira que non excedían os 32 metros de eslora.

ASTANO constitúese o 15 de outubro de 1941 por dezaseis socios encabezados polo Capitán de Fragata e Enxeñeiro Naval D. José María González Llanos y Caruncho (o seu primeiro director). Nace como unha Sociedade Mercantil de Responsabilidade Limitada denominada Astilleros y Talleres del Noroeste, S. L. (ASTANO, S. L.), e cun capital social de 2.000.000 de pesetas (12.020,24 euros)

O primeiro buque construído foi o pesqueiro de madeira e propulsado a vapor Comandante Lobo, entregado o 10 de decembro de 1942. O primeiro construído con casco de aceiro remachado e con motor Diesel foi o pesqueiro Tabeirón, entregado o 25 de xaneiro de 1946. O derradeiro, a barcaza Hammerfest, entregada o 20 de agosto de 2003.

En 1944, coa entrada do Banco Pastor no seu capital, convértese en Sociedade Anónima co nome de Astilleros y Talleres del Noroeste, S. A. (ASTANO, S. A.), multiplicando o seu capital social por dez, que pasa a ser de 20.000.000 de pesetas. Dende ese momento, D. Pedro Barrié de la Maza foi presidente do consello de administración ata o seu falecemento.

En 1972 o Instituto Nacional de Industria toma o control do 60% do seu capital social que ascende a 2.000 millóns de pesetas (12.020.242,09 euros).

En 1979 o capital social amplíase a 3.500 millóns de pesetas (21.035.423,65 euros) achegadas na súa totalidade polo INI, que se converte en único accionista.

En xullo do 2000 créase a empresa Izar coa fusión dos estaleiros públicos civís (Astilleros Españoles), grupo ao que pertencía ASTANO, cos estaleiros militares (Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales). A partir desta data, ASTANO pasou a chamarse Izar-Fene.

En decembro do 2004, a Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI), accionista e xestora do grupo IZAR, decide segregar a rama militar de Izar e crea, en marzo do 2005 a sociedade Navantia. Actualmente, froito desa decisión, as instalacións de ASTANO xunto coas de BAZAN Ferrol, integran o estaleiro Fene-Ferrol.

(*) Historia recollida do libro "ASTANO: un estaleiro, unha vivencia"